|
DESTRUCCIÓN DO IMPERIO PERSA |
|
Despois da derrota, Darío escribiu a Alexandro, propoñéndolle o reparto do seu imperio: cedíalle Asia Menor e Siria ata o Eúfrates, o que parecía que colmaría a ambición do macedonio , e tal foi a opinión dalgúns dos seus conselleiros, especialmente de Parmenion; pero Alexandro atopábase xa lanzado cara o trunfo final, e non aceptou a proposta do autócrata persa.
|
Nembargantes, en lugar de perseguilo ata o corazón de Asia, onde se refuxiara, prefiriu segui-lo camiño da costa, para te-la seguridade de que os portos mediterráneos non serían bases da escadra persa, aínda navegando polo Exeo. Ningunha cidade de Siria ofreceulle resistencia salvo Tiro, que houbo de sitiar durante sete meses (332), dando lugar a unha nova manifestación da cólera do macedonio que ordenou o sacrificio de toda a guarnición e a venta como escravos da poboación non combatente. |
Alexandro entrou despois en Xerusalén e marchou cara Exipto; o xeral persa encargado da súa defensa rendiuselle en Pelusium, despois do que Alexandro chegou a Menfis, que o recibiu como un libertador. En Exipto manifestou o macedonio a profundidade do seu pensamento asimilado de Aristóteles; por un lado, quixo atraerse ós exipcios titulándose rei do país e acudindo a consultar ó famoso oráculo de Amón no deserto, onde segundo a tradición, falou co espírito do seu pai. Por outra banda, fundou unha cudade co seu nome -Alexandría-, unha das moitas que mandou construir coa mesma denominación, pero a única que chegou ata nós. Establecida en favorable situación no delta do Nilo, convertiuse na capital dos Lágidas e en foco importantísimo da cultura alexandrina. E aínda hoxe, con máis de millón e medio de habitantes, expresa claramente o éxito da súa creación.
Sempre siguindo las ideas científicas
que Aristóteles lle imbuira, Alexandro
mandou unha expedición ás fontes do Nilo para que averiguara as causas das
misteriosas inundacións. Os resultados desta viaxe foron comunicados ó mestre
de Estagira con gran contento seu, ó contar cunha explicación racional do ata
entón escuro fenómeno que se atribuía ós deuses. |
|
Seguiu Alexandro o camiño do norte do
"Crecente Fértil", rexión ben regada e abundante en pastos para a
cabalería, atravesou o Éufrates e encamiñouse cara o vale do Tigris, que tamén
cruzou para atoparse co exército de Darío. A 50 kilómetros da cidade de
Arbelas, na chaira de Gaugamela, enfrontáronse
no derradeiro combate gregos e persas, o 30 de septembro do ano 331 a. X.C., e
como nas dúas ocasións anteriores, o trunfo correspondeu ó exército máis
preparado e mellor dirixido, victoria debida en especial á acción da cabalería
macedónica.
Darío fuxiu cara Persia, mentres Alexandro
seguía o val do Tigris e entraba en Babilonia que o recibiu entusiásticamente,
ó que correspondeu, como en Exipto, tratando con deferencia ás súas autoridades
civis e relixiosas. Seguiu logo cara Susa e Persépolis, cidade esta última que
mandou incendiar despois de saqueala nunha noite de orxía, nova vinganza do
incendio da Acrópolis de Atenas. Aínda non podía estar seguro Alexandro,
nembargantes, mentres vivira Darío, polo que no ano 330 saíu na súa persecución
cara o Norte; pero un sátrapa, chamado Bessos, da Bactriana asasinárao, agardando
seica congraciarse así co vencedor. Alexandro non obtivo máis ca seu cadáver,
que mandou enterrar con honores reais na tumba imperial de Susa, despois de ter
entregado a Besos á vinganza do irmán de Darío, quen lle mandou matar despois
de torturalo.
En Susa acabouse de completa-lo
pensamento de Alexandro: agora era rei de Asia, e non de Macedonia nin dos
gregos, o que quixo amosar adoptando o traxe e o ceremonial dos reises persas,
e casando con tres princesas da familia aqueménida: Roxana, filla dun príncipe
de Sogdiana, da que tivo un fillo póstumo; Stateira, filla de Darío III, e outra
princesa, de nome descoñecido, filla ó parecer de Artaxerxes III. Para
confirmar máis esta fusión do grego e o asiático, patrocinou as unións dos seus
xenerais e soldados con mulleres asiáticas, e aínda que se exaxerou a cifra destas unións- se chegou a
dicir que foron unhas 10. 000-, as excelentes condicións que ofrecía o soberano
incitaron a moitos a aceptalas: perdoábanse as débedas ós soldados que casaran
con asiáticas e regalábase, ademais, unha
copa de ouro, mentres as súas mulleres recibían, a costa do Estado, unha expléndida
dote.
Houbo gregos, Nembargantes, ós que estas
medidas non satisficieron. Un comandante do exército chamado Filotas, fillo dun
dos xenerais máis estimados de Alexandro, o xa citado Permenion, tramou unha
conxura contra a vida do macedonio; pero descuberta a tempo perecieron os
conspiradores, incluso o propio Parmenion.
No número seguinte: MORTE DO CONQUISTADOR.