GUGLIELMO MARCONI
(Bolonia, 1874- Roma 1937) Inventor
italiano. Fillo de pai italiano e nai irlandesa, educouse en Liorna e Bolonia,
e interesouse desde xove polos
descubrimentos de Heinrich Hertz sobre as ondas hertzianas. Considéraselle o
inventor da radio. En 1895 construiu o primeiro transmisor de telegrafía sen fios,
cun alcance de 2,4 Km., gracias á utilización dunha antena vertical. En 1896
presentou o seu invento ó goberno británico. Ó ano seguinte fundou, con axuda
do seu curmán Jameson Davis, A Compañía Marconi de Telegrafía sen Fios, e en
1899 transmitíronse as primeiras sinais a través da canle da Mancha. Ese mesmo
ano fundouse a Compañía Marconi en América. En 1900, Marconi obtivo en Gran
Bretaña a patente número 7.777, que describe a utilización de diferentes
frecuencias para facer funcionar simultáneamente varias estacións de telegrafía
sen fios. En decembro de 1901 estableceu a primeira comunicación transatlántica
entre Cornualles e Terranova, que causou sensación, pois amosaba que era
posible chegar a esas distancias a pesares da curvatura da Terra. En 1902
descubriu que o alcance das súas emisoras era maior de noite, demostrando a
influencia da reflexión nas capas altas da atmosfera. En 1910 realizou unha
comunicación entre Irlanda e Boos Aires, e en 1918 entre Inglaterra e
Australia. En 1923 foi pioneiro na transmisión en onda curta. En 1909 compartiu
co alemán Karl Ferdinand Braun o premio Nobel de Física. En 1919 foi nomeado
delegado plenipotenciario de Italia na conferencia de paz de París, que puxo
fin á primeira guerra mundial. Foi senador vitalicio do reino de Italia e
marqués (1929), e en 1930 presidente da Real Academia Italiana.